A Xunta inicia as obras de ampliación e reforma no CPI As Mirandas de Ares cun investimento de máis de 3 M€

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, acompañado pola delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visita o centro para supervisar os primeiros traballos

Construirase un novo edificio para as aulas de Infantil e psicomotricidade, que permitirá reordenar os espazos no edificio existente

Tamén se aplicará illamento térmico no edificio de Primaria e ESO e mudaranse as fiestras

Xov, 09/05/2024 - 11:40
a

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, acompañado pola delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou hoxe o Centro Público Integrado As Mirandas, en Ares, co gallo do inicio da ampliación  e reforma que o seu departamento está a realizar neste colexio. “Esta semana iniciamos os traballos, unhas obras nas que investimos máis de 3 M€ que van redundar nunha mellora significativa do servizo educativo do concello de Ares, que só conta con este centro”, destacou o conselleiro.

Enmarcada no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta da Xunta para modernizar os centros educativos dando resposta ás necesidades do século XXI, esta actuación supón dotar o centro con espazos máis axeitados para Infantil, incluíndo unha aula especializada de psicomotricidade, así como actuacións na zona de Primaria.

Para iso construirase unha nova edificación que acollerá as seis aulas de infantil –ata o momento distribuídas en diferentes espazos– e a de psicomotricidade, cunha superficie total de 850 m². Este novo volume estará conectado co andar baixo do edificio existente.

O programa de necesidades inclúe a reforma do inmoble xa existente, tanto no que atinxe á eficiencia enerxética como na reordenación de espazos. Deste xeito, mellorarase a envolvente térmica do edificio coa instalación dun sistema de illamento e novas fiestras.

Ademais, situaranse no andar baixo do edificio (agora ocupado por aulas de Infantil) os espazos administrativos, a aula de usos múltiples e a biblioteca, aproveitando para ampliar este último espazo. O resto do volume continuará acollendo as aulas de Primaria e ESO. A obra ten un prazo de execución de un ano.