Carmen Pomar salienta a utilidade da unidade didáctica os Balnearios de Galicia para concienciar o alumnado no uso responsable da auga

A Universidade de Santiago de Compostela edita esta publicación, dirixida a alumnado dos últimos cursos de Primaria e dos primeiros da ESO

Mér, 29/01/2020 - 16:07
Carmen Pomar salienta a utilidade da unidade didáctica os Balnearios de Galicia para concienciar o alumnado no uso responsable da auga

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, participou hoxe na presentación da unidade didáctica Os Balnearios de Galicia. Descubre as súas posibilidades para a saúde, unha publicación da Universidade de Santiago de Compostela (USC) dirixida a alumnado dos últimos cursos de Primaria e dos primeiros da ESO.  Na presentación interviñeron tamén o reitor da USC, Antonio López; e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, entre outras autoridades.

A titular do departamento educativo da Xunta de Galicia explicou que esta publicación vai axudar os docentes a achegar ao alumnado o coñecemento da importancia da auga para a vida e, en especial, das augas mineromedicinais e a súas aplicacións. “Unha unidade didáctica que facilita ferramentas para transmitir o respecto e o amor por un recurso limitado e contribuír ao seu coidado, desenvolvemento e protección”, dixo. Segundo destacou, esta publicación contribuirá á formación do alumnado, “pero tamén ao seu crecemento como cidadáns conscientes e responsables e á adquisición de valores que os acompañarán durante toda a súa vida”.

Neste sentido agradeceu á Cátedra de Hidroloxía Médica da USC e ao seu departamento de Pedagoxía e Didáctica, que elaboraron o documento, “este material de indubidable calidade e que vai contribuír á difusión dun dos nosos tesouros máis abundantes e fráxiles como fonte de saúde e de lecer”.

Pola súa banda, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, recordou a importante colaboración dos últimos anos entre a Consellería de Cultura e Turismo con esta Cátedra que cumpre dez anos. Como indicou, esta colaboración permitiu, entre outras accións, aumentar os fondos bibliográficos dos que dispón a Cátedra, así como organizar seminarios prácticos de fins de semana en balnearios, elaborar e difundir documentais sobre procesos terapéuticos ou reeditar outra publicación relevante, o Vademecum das Augas Mineromedicinais de Galicia, publicado hai dous anos co apoio da Xunta de Galicia e que é xa unha útil ferramenta para afondar na situación actual da investigación en termalismo.

Nava Castro felicitou, ademais, aos impulsores da Cátedra por poñer en marcha esta nova iniciativa a través da guía divulgativa presentada hoxe que, como dixo, será clave para afondar na cultura balnearia e das augas termais da Comunidade entre os nenos e as nenas galegas. 

A guía didáctica está dividida en cinco apartados nos que se combina texto, ligazóns e códigos QR a través dos que se pode acceder a vídeos e materiais didácticos dixitais adicionais. O primeiro apartado está centrado no estudo do ciclo da auga na natureza e a súa importancia para a saúde, e no segundo defínense as augas mineromedicinais, a súa orixe, clasificación e propiedades.

Xa centrándose neste tipo de augas, o terceiro apartado analiza as diferencias entre balneoterapia e hidroterapia e os seus procedementos de aplicación; mentres que no cuarto defínese o concepto de balneario, o seus usos terapéuticos e de lecer, a cura balnearia, os

diferentes métodos de aplicación das augas mineromedicinais e as principais patoloxías que se tratan nestes centros. Na quinta parte preséntase a Cátedra de Hidroloxía Médica da USC e as actividades que desde ela se están desenvolvendo.