O Consello Escolar e o Observatorio xa traballan para enriquecer a futura Lei de convivencia

Os dous organismos, que representan a profesores, alumnos, familias e sindicatos celebrarán pleno a fin de mes

Mar, 11/01/2011 - 18:33

Os vindeiros días 24 e 28 de xaneiro, os plenarios do Observatorio da Convivencia e do Consello Escolar de Galicia analizarán o borrador de anteproxecto da Lei de Convivencia e Participación da Comunidade Educativa, sobre cuxo contido xa se están a facer as primeiras alegacións. Os membros do Consello Escolar poderán presentar as súas alegacións ata o día 18, de tal xeito que dous días despois a súa comisión permanente reunirase para elaborar un ditame provisorio. Sobre este texto aínda se poderán facer novas emendas ata o 25 do presente mes, un día antes de que se xunte a comisión permanente para estudalas e eventualmente incorporalas para o seu debate no pleno do día 28. Pola súa banda, o Observatorio da Convivencia aceptará suxestións ata o día 17, reunirá a súa comisión permanente o 18 e celebrará sesión plenaria o día 24.

Posteriormente, o texto, pasará a debate no Parlamento, polo que a Lei poderase enriquecer coas achegas de todos os estamentos políticos, sindicais e sociais de Galicia. O conselleiro de Educación xa anunciou que o seu obxectivo primordial é acadar o consenso máis amplo posible, para o que prometeu “non aforrar ningún esforzo”.

Cómpre lembrar que en ambos os dous organismos, Consello Escolar e Observatorio da Convivencia, están representados, non só os principias actores do sistema educativo –profesores, alumnos e familias-, senón os seus representantes a través dos sindicatos, a patronal do ensino, a inspección educativa, os directores de centros, o persoal de administración e servizos, as ANPAS, a fiscalía de menores e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), entre outros.