As linguas estranxeiras no sistema educativo de Galicia. Curso 2010/2011

O informe que se presenta agora leva como título as “Linguas estranxeiras no sistema educativo de Galicia: percepcións do profesorado, do alumnado e das súas familias ao remate do bacharelato”. Unha temática que amosa o interese do Consello Escolar de Galicia polo que é unha das apostas máis fortes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través do Plan de potenciación de linguas estranxeiras. O obxectivo deste ambicioso plan é incrementar de xeito significativo as competencias do alumnado en linguas estranxeiras, o que se está a lograr grazas, en gran parte, á implicación e apoio do profesorado, o que se reforza con formación específica; á dotación de auxiliares de conversa; e, por suposto, ás actividades de formación e inmersión lingüística para o alumnado.

No estudo analízanse varios aspectos dende a perspectiva deses colectivos: como entenden a aprendizaxe das linguas estranxeiras; as percepcións do profesorado de lingua estranxeira sobre aspectos profesionalizadores e as súas intervencións docentes; apreciacións sobre a dimensión oral; consideracións sobre as achegas das seccións bilingües e, por último, as impresións dos catro colectivos sobre os obstáculos existentes e as propostas de mellora da oralidade en linguas estranxeiras.